Monday 13 de May de 2024

Medio Ambiente incorpora ao Catálogo Galego de Árbores de Senlleiras unha formación de sobreiras localizada no Rosal


En Galicia existen a día de hoxe un total de 179 elementos catalogados como senlleiros en recoñecemento ás súas características singulares ou excepcionais

O Catálogo galego de árbores senlleiras acaba de incorporar unha nova formación de sobreiras localizadas no concello pontevedrés do Rosal. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se notifica a súa inclusión neste rexistro público, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e no que figuran todas aquelas árbores e formacións merecentes dunha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais.

Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión no Catálogo de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

En canto ás sobreiras da Magdalena, pertencen á especie Quercus suber e constitúen un conxunto de catro exemplares que cumpren coas condicións sinaladas no decreto regulador do Catálogo en canto ás excepcionais características do seu porte e dendrometría, especialmente ás dos tres exemplares de maior tamaño. Así, as árbores chegan ata os 22 metros de altura e o seu perímetro oscila entre 3,8 e 4,3 metros.

O conxunto posúe tamén uns notables valores estéticos e paisaxísticos ao atoparse ao pé da capela da Magdalena, no cumio do monte do mesmo nome. Do mesmo xeito, cómpre subliñar o valor histórico do conxunto xa que a capela aparece mencionada en documentos do século XII, como pertencente ao Mosteiro de Oia. Tamén está acreditado que o monte serviu de emprazamento de pezas de artillería, nas guerras con Portugal.

Tras a inclusión das sobreiras da Magdalena, o catálogo conta xa cun total de 179 elementos de 80 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

Árbores Formacións Total
A Coruña 42 12 54
Lugo 32 6 38
Ourense 20 6 26
Pontevedra 47 14 61
Total 141 38 179

Cómpre lembrar que a través da inclusión dun exemplar ou formación dentro do Catálogo galego de árbores senlleiras, búscase garantir a súa protección e conservación, ao entender que, debido á súa propia singularidade e características, merecen ser preservados e inventariados a través desta ferramenta de carácter administrativo.